miércoles, 13 de abril de 2011

ASESORES PARA A ACREDITACIÓN DE COMPETENCIAS

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Jose Luis Mira, ven de entregar habilitacións aos 80 profesionais que desempeñarán tarefas de asesoramento e avaliación no proceso de acreditación de competencias profesionais.
Deste xeito, estas 80 persoas – docentes e persoas dos diferentes sectores produtivos relacionados co proceso- prestarán o seu apoio e avaliarán a todos aqueles interesados en acadar unha certificación oficial da súa cualificación para o desempeño das súas actividades profesionais ou acceder á mobilidade na súa profesión. Ademais estas persoas quedan inscritas no rexistro de persoas habilitadas para a acreditación das competencias profesionais.

Cómpre lembrar que a Consellería vén de convocar 3.200 prazas para o recoñecemento da competencia profesional a través da experiencia laboral ou de formación non formal, nun total de 44 unidades de competencia, un proceso totalmente gratuíto apra os aspirantes. Nesta convocatoria poderán participar aqueles traballadores e traballadoras con experiencia laboral en distintos sectores produtivos: soldadores, instaladores eléctricos, camareiros, reposteiros, pasteleiros, cociñeiros, chapistas, pintores de vehículos, auxiliares de farmacia ou parafarmacia, axudantes de emerxencias ou de transporte sanitario ou educadores As persoas interesadas en presentarse a este proceso deberán ter experiencia laboral ou formación relacionada coas competencias profesionais que se queiran acreditar. No caso da experiencia laboral, será preciso xustificar polo menos tres anos, cun mínimo de 2.000 horas traballadas en total, nos últimos dez anos transcorridos antes de realizarse a convocatoria. Respecto da formación, os aspirantes terán que xustificar polo menos 300 horas nos últimos dez anos transcorridos.

O prazo para a presentación de solicitudes será de 20 días naturais, contados a partir do día seguinte ao de publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG do 25 de marzo de 2011). Para o desenvolvemento deste proceso utilizaranse como sedes os Centros Integrados de Formación Profesional dependentes da Consellería que imparten as ensinanzas que se corresponden coas unidades de competencia a acreditar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario