viernes, 25 de marzo de 2011

QUÉ É A ACREDITACIÓN DE COMPETENCIAS?

Hoxe publicouse no DOG a Orde de 21 de marzo, pola que se convoca o proceso de acreditación de competencias adquiridas a través da experiencia profesional na Comunidade Autónoma de Galicia.
Nos próximos días iremos publicando entradas para explicarvos con detalle o contido da Orde (en qué consiste este proceso, os requisitos de acceso, os formularios de solicitude, os lugares de realización das probas e demáis.). Hoxe imos adicarnos simplemente a explicar en qué consiste a acreditación de competencias.

Este proceso ten por obxecto establecer o procedemento e os requisitos para a avaliación e acreditación das competencias profesionais adquiridas polas persoas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación, así como os efectos desa avaliación e acreditación de competencias.

Ofrece unha oportunidade ás persoas que nunca estiveron vinculadas aos sistemas educativos, e que aprenderon a través da práctica profesional, ou a través de cursos non “oficiais”, de que poidan demostrar os seus coñecementos e capacidades, mediante un procedemento de avaliación, no que se  comprobará a súa  competencia profesional en relación aos estándares recollidos nas Unidades de Competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais

No caso de que superen esta avaliación, poderán obter unha acreditación oficial, e con validez nacional, que terá os correspondentes efectos profesionais e/ou académicos. 

Expedirase unha acreditación oficial por cada unha das unidades de competencia superadas, podendo chegar a obter un certificado de profesionalidade nunha ocupación, ou validala pola parte correspondente dun ciclo formativo  de Formación Profesional Específica

Mediante este procedemento poderanse acreditar cualificacións de nivel 1, 2 e 3, e poderanse presentar  persoas que ben teñan experiencia laboral ou ben formación non formal, é dicir, aquela que non conduce a unha acreditación oficial das administracións educativas ou laborais.

Como vedes, este proceso é unha oportunidade valiosísima para recoñecer a valía profesional de tantos e tantos traballadores amplamente capacitados para desenvolver unha profesión, pero que carecen dun recoñecemento por parte das institucións. Non só pón en valor a súa experiencia profesional, senon que lles abre as portas á obtención dun certificado de profesionalidade e mesmo ao acceso á FP para poder acadar un título oficial correspondente a un nivel educativo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario