domingo, 27 de marzo de 2011

PROCESO DE ACREDITACIÓN DE COMPETENCIAS

E completamos o proceso!!!
Unha vez que xa sabedes en qué consiste a acreditación de competencias e os requisitos que tedes que cumprir para poder inscrivirvos nel, imos falar un pouquiño de cómo se desenvolve este proceso de avaliación e recoñecemento.

Este gráfico  da Consellería de educación é bastante explicativo. A acreditación de competencias comprende varias fases: 

Primeira fase: Asesoramento. 
  • Esta fase é obrigatoria, polo que o candidato que non a realice perderá o dereito a participar na fase de avaliación. Nunha primeira reunión, que poderá ser grupal, informarase as persoas candidatas sobre o proceso e os principais contidos das unidades de competencia correspondentes. Así mesmo, entregaráselles a documentación da fase de asesoramento e faráselles unha explicación sobre ela. 
  • Na primeira entrevista individual axudaráselle a persoa candidata a cubrir o cuestionario de autoavaliación e demais documentación da fase de asesoramento, para que poida explicitar as competencias e as aprendizaxes que adquiriu.. 
  • O asesor  realizará un informe asinado, destinado á comisión de avaliación, que terá carácter orientativo, onde indicará motivadamente se considera que hai ou non evidencias suficientemente xustificadas da competencia da persoa candidata en cada unha das unidades de competencia, e, doutra banda, indicaralle a conveniencia de pasar ou non á fase de avaliación:
    • Se o informe é positivo (considera que hai evidencias suficientes sobre a competencia da persoa candidata) o asesor ou a asesora trasladará á comisión de avaliación o informe elaborado, así como toda a documentación achegada pola persoa candidata.
    • Se o informe é negativo, o asesor ou a asesora indicaralle á persoa candidata a formación complementaria que poderá realizar, así como os centros onde se ofrece.
Segunda fase: Avaliación da competencia profesional. 
  • Esta fase terá lugar dentro dos tres meses seguintes ao remate do prazo da fase de asesoramento e publicarse na páxina web http://www.edu.xunta.es. A avaliación terá por obxecto comprobar se esta demostra a competencia profesional requirida.
  • A comisión de avaliación realizará un plan de avaliación no que constarán, polo menos, as actividades e os métodos de avaliación que se vaian aplicar. Rematada a etapa de avaliación, completarase o expediente de evidencias, que recollerá os resultados e os rexistros producidos ao longo do procedemento.
  • A comisión de avaliación valorará os resultados do proceso e emitirá o xuízo da competencia da persoa candidata, expresada en termos de demostrada ou non demostrada, o que fará constar nunha acta asinada por todos os membros da comisión de avaliación.
  • A comisión de avaliación elaborará un informe individualizado de cada persoa candidata, onde indique os resultados da avaliación das competencias profesionais, así como a proposta de formación.
Terceira fase: acreditación e rexistro da competencia profesional. 
  • A acreditación das unidades de competencia realizaraa a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria segundo proposta das comisión de avaliación.
  • A expedición da acreditación de unidades de competencia terá efectos de acreditación parcial acumulable e de validación da formación referida á devandita unidade de competencia nos títulos de formación profesional e de exención nos certificados de profesionalidade.
  • A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria recoñecerá as unidades de competencia acreditadas que producirán efectos de validación dos módulos profesionais correspondentes, segundo a normativa vixente, e que se establece en cada título.
  • A Consellería de Traballo e Benestar recoñecerá as unidades de competencia acreditadas, que producirán efectos de exención dos módulos formativos asociados ás unidades de competencia dos certificados de profesionalidade, segundo a normativa vixente.
As acreditacións concedidas teñen carácter oficial, con validez en todo o territorio do Estado. Terán os efectos académicos e profesionais previstos na lexislación vixente no tocante a exencións, correspondencias e validacións.

No hay comentarios:

Publicar un comentario