sábado, 26 de marzo de 2011

ACCESO AO PROCESO DE ACREDITACIÓN DE COMPETENCIAS

Na entrada anterior fixemos unha breve aproximación ao tema da acreditación de competencias. Agora imos centrarnos exclusivamente en cómo e quén pode acceder a este proceso.

Como xa sabedes, a Orde de 21 de marzo convoca o proceso de avaliación de competencias profesionais (ollo! para unhas determinadas unidades de competencia relacionadas cunhas familias profesionais concretas, que podedes consultar no Anexo I da citada Orde). Vos adiantamos que estas familias profesionais son: Fabricación Mecánica, Sanidade, Hostalaría e Turismo, Electricidade e electrónica, Mantemento de vehículos autopropulsados e Servizos socioculturais e á comunidade.

Se tedes experiencia profesional nalgún destes sectores, pero carecedes dun título oficial que o acredite, podedes ser potenciais aspirantes ao proceso de acreditación de competencias.

Os requisitos que tedes que cumprir para poder inscribirvos no proceso de acreditación son os seguintes:
  • Posuír a nacionalidade española, dispor do certificado de rexistro de cidadanía comunitaria ou da tarxeta de familiar de cidadán da Unión Europea, ou ser titular dunha autorización de residencia ou de residencia e traballo en España en vigor, nos termos establecidos na normativa española de estranxeiría e inmigración.
  • Ter 20 anos cumpridos no momento de realizar a inscrición, para unidades de competencia correspondentes a cualificacións de nivel II e III, obxecto desta convocatoria.
  • Ter experiencia laboral e/ou formación relacionada coas competencias profesionais que se queiran acreditar. No caso de experiencia laboral, xustificar polo menos tres (3) anos, cun mínimo de 2.000 horas traballadas en total, nos últimos dez anos transcorridos antes de realizarse a convocatoria. No caso de formación, xustificar polo menos 300 horas nos últimos dez anos transcorridos antes de realizarse a convocatoria. Nos casos en que os módulos formativos asociados á unidade de competencia que se pretenda acreditar prevexan unha duración inferior, deberanse acreditar as horas establecidas nestes módulos.
  • As persoas maiores de 25 anos que cumpran os requisitos de experiencia laboral ou formativa indicados na alínea anterior e que non poidan xustificalos mediante os documentos sinalados, poderán solicitar a súa inscrición provisional no procedemento, sempre e cando presentaran a xustificación mediante algunha proba admitida en dereito, da súa experiencia laboral ou das aprendizaxes non formais de formación.
IMPORTANTE: As persoas candidatas non poderán estar matriculadas nin cursando simultaneamente un curso de formación profesional inicial (ordinario ou modular), nin para o emprego conducente á acreditación das unidades de competencia en que soliciten a súa inscrición. Tampouco poderán ter completado un curso de formación profesional inicial nin de formación para o emprego polo cal teñan dereito á acreditación directa das mesmas unidades.

Se reunides estes requisitos, accedede ao texto da Orde e consultade cómo se desenvolve o proceso. Na próxima entrada vos explicaremos máis sobre as fases do mesmo!!

Nesta páxina poderedes descargar todos os formularios para inscribirvos!

No hay comentarios:

Publicar un comentario